Perdemos cultura por riba das nosas posibilidades?

BirnaremJun 23, 2026

Non sei a razón, pero alguén está pagando o aloxamento da antiga páxina de Vieiros, supoño que para que non se perda o seu contido (aínda que hai seccións que aparentemente non están). É un tema por resolver todo o que se perde cando deixa de usarse ou financiarse.

Aquí a tedes ben viva: https://vieiros.com

Artigos periodísticos, literarios, artísticos ou simplemente históricos e persoais, pero que poderían ter relevancia ou explicar unha época, un momento. O mesmo poderiamos dicir dos "xogos" que desaparecen, agora xa non se poden gardar porque a súa execución depende de que haxa servizo web.

Existe unha preciosa iniciativa que pretende reclamar á EU normativa para que as empresas se teñan que facer cargo da "supervivencia" dos xogos que publican: https://www.stopkillinggames.com

O mesmo poderiamos dicir dos podcasts. Cando pechen as empresas que os manteñen activos na rede, desaparecerán millóns de programas de miles de temáticas diversas. Reflexións, información, pensamentos, todo desaparecerá. E diremos, é o mercado amigo. Pero somos algo máis que mercado.

Somos unha sociedade que xurde de miles de anos de historia e cultura humana, e bebemos do que crearon os nosos antepasados. É certo que, a estas alturas, xa perderiamos o 99% do que se creou por problemas similares, non ter como conservar moitas cousas. Pero a alturas empezamos a ter medios para ir conservando cousas, quizáis non todo, quizáis non tan pouco do que se conserva, pode que non como solución definitiva pero sí para poder dar unha patada cara adiante.

É xusto dicir que tamén hai entidades adicadas a recuperar e conservar, pero hai moitas cousas que se escapan, porque son entidades herdadas do pasado, cando só se conservaba o impreso ou o físico, cos protocolos e presupostos herdados tamén do pasado. Necesitarían crearse moitas máis, adaptar e dotar as existentes, facer estudos e análises de como estamos no presente e que queremos conservar para o futuro, porque realmente como sociedade non estamos decidindo iso.

En fin, comentarios desordenados que escoitaredes dúas ou tres afortunadas 😜 O asunto das redes, do contido limitado, da necesidade de publicar seguido para entrar nos algoritmos, etc, xa van para outra.


Sign in to leave a note.